Cheesecake de queixo de cabra e iogur grego

Hai tempo que quería probar a facer unha torta de queixo estilo americano na casa, pero querría probar algo un chisco distinto, así que fixen unha adaptación desta, pero engadindolle noces á base (idea que penso repetir, queda moito máis rica) e cambiando as galletas de vainilla polas de avea para que non quede tan doce. A verdade é que estou moi satisfeita co resultado: semella levar máis traballo, pero en 20 -30 minutos máis o tempo de cocción está lista, un triunfo asegurado!

Unha receita axeitada para aqueles que non moi larpeiros (hai xente para todo!), xa que se a tomades sen mel ten un regusto salgado moi agradable. Agora que comeza o bo tempo é moi boa idea levala coma sobremesa dun picnic 😉

Ingredientes (para un molde de 25 cm de diámetro) :

360 gr. (dous paquetes) de queixo rulo de cabra

125 gr. de queixo para untar

1 iogur grego 

2 ovos

75 gr. de azucre

Para a base

20 galletas de avea tipo “Digestive”

80 gr. de manteiga

Unha presa de noces peladas e picadas

Nota: esta torta é mellor facela nun molde desmontable.

 

  1. Esmagamos as galletas, derretemos a manteiga e triturámolo todo xunto cas noces ata formaren unha pasta homoxénea. Se vedes que queda moi seca, engadide unhas pingas de auga para que estenda mellor.
  2. Prequentamos o forno a 180º.
  3. Quitámoslle a codia aos rulos de cabra e cortámolos en rodas de 2-3 cm.
  4. Metemos as rodas nun bol xunto co queixo para untar e quentámolos no microondas a potencia media para que abranden.
  5. No bol dos queixos botamos o azucre e batemos ca batedora. Cando estea ben mesturando engadimos os ovos, un de cada vez.
  6. Colocamos papel de forno no molde desmontable. Estendemos a pasta base esmagándoa ben cunha culler.
  7. Vertemos a pasta de queixo a modiño, alisamos a superficie para que non quede burbullas.
  8. Cocemos a torta no forno durante 45 aproximadamente. Se vos gusta cremosa, sacádea antes: aínda que o centro estea líquido callará pouco a pouco. Se vos gusta más compacta, deixadea ata que saian manchas na superficie, como fixen eu.
  9. Deixamos repousar 6 horas, coma mínimo.
  10. Decoramos con mel e servimos.

Que aproveite!

cheesecake-cabra1cheesecake-cabra3

Un comentario en “Cheesecake de queixo de cabra e iogur grego”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *