Cinco trucos para comer sushi

Cada vez hai máis e mellores restaurantes xaponeses en Galicia, e non é de estrañar, xa que materia prima teñen dabondo! Hoxe imos ver como se come o sushi evitando desfeitas e “malas prácticas”, se coñecedes algún truco máis, non dubidedes en deixar un comentario, ou comentalo na conta de Twitter: @queroxamon

  1. Os paus: o xeito máis doado de collelos é o seguinte: agarramos un co polar (á metade do dedo) e o maior, e o outro ca parte superior do polar e o índice (furabolos!), o primeiro pau ha de estar fixo, coma unha base, e o segundo é o que se move para facer pinza e coller as pezas. Se non sodes quen de collelas cos paus, podedes usar as mans: aínda que a algunha xente lle pareza mal, e Xapón é un costume bastante estendido. Cando non se usen, hai que deixalos apoiados na pequena táboa que hai onda o prato, nunca na mesa.
  2. O mollo de soia: non debemos botar moito, xa que a súa función é acompañar, e se o arroz chucha moito líquido, esfarela e pode que se desfaga a peza. Isto é especialmente dramático no caso dos makis.
  3. O wasabi: en Xapón adoita vir xa posto no sushi, xa que se considera que o cociñeiro é o que mellor sabe como adobalo, pero aquí case sempre vén aparte. Podemos poñer unha pinga entre o arroz e o peixe, o disolvelo na cunca da soia, sempre tendo en conta que non cómpre moita cantidade.
  4. As láminas de  xenxibre: esas que ás veces saben un pouco a xabón ;), a súa función é limpar o padal entre diferentes tipos de sushi, polo que non se deben de comer xunto cas pezas. A mellor orde para comer é comezar polo sushi de sabor máis suave e rematar co máis intenso, tipo atún vermello, salmón ou anguía.
  5. As racións, e como comelas: cando comezaba a comer sushi non calculaba ben e moitas veces acababa cunha enchenta moi seria, xa que o peixe cru e o arroz non son tan lixeiros coma poida parecer. Se non sabedes canto pedir, un número orientativo serían 12-15 pezas por persoa, con isto soe ser dabondo. As pezas de sushi están feitas para comelas dun bocado, ou coma moito dous, así que non ten sentido partilas. Para desfrutar do sabor, a maneira correcta de colocalas é co peixe cara a lingua e o arroz cara arriba, así saben moito máis!

Cal é o voso restaurante de sushi favorito? Sempre andamos á procura de recomendacións 🙂

Estes cadriños explícano moi ben, pero non sei a súa orixe… A foto que ilustra o artigo é desta conta de Flickr

sushi-guia-1

sushi-guia-2

 

4 comentarios en “Cinco trucos para comer sushi”

  1. Encántame o sushi; téñoo comido en Galicia, en diferentes partes de España, Europa e no Xapón mesmo. En Galicia os restaurantes son aínda caros e exclusivos…a calidade non é má…mais cos prezos pásanse, polo menos en Vigo. Eu recoméndovos facelos tamén na casa (o uso dunha esteira de silicona facilita moito o enrolado). Ás veces tamén sobrepasan con ingredientes exóticos, como crema de queixo…o mellor o bo peixe, e en cantidade…por exemplo os anacos de peixe nos niguiris no Xapón son enormes…e aquí escasos…

    1. Ola Nacho! A verdade é que os prezos son elevados si, tendo en conta a lonxa ca que conta Vigo! A min o dos ingredientes exóticos non me importa, de feito hai algún que me gusta. No Beef&sushi de Ourense (que eles mesmos din que é asiático, non xaponés) teñen uns con xamón pouco curado, e están de vicio!

      Un saúdo, e grazas por pasar pola páxina 🙂

  2. Moi boas precisións.
    En Compostela hai varios, pero acabo de descubrirno Sakura, fronte a Peleteiro vello, que ten unha carta moi variada, que está rico, e ben de prezo! E isto último non é pouco XD
    Seguide aconsellando!

    1. Ola Bule! Graciñas pola recomendación. Aínda non comín sushi en Compostela, agardo arrenxalo pronto 🙂 Un saúdo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *