Crema de brócoli e chícharos

Que tal andades? Agardo que o comezo do ano non sexa moi arrepiante, que despois destes meses que levamos… moito ánimo! Hoxe traio unha receita desas sinxelas, e atentendo aos propósitos de aninovo, máis lixeira 😉 e sobre todo, doada de facer, que non están as cabezas para moita complicación

Ingredientes (para 5 ou 6 racións)

Un brócoli

Un nabo grande ou dous pequenos

Unha cebola grande

250 gr de chícharos en conserva

Media culleriña de pasta de miso, ou unha pastilla de caldo vexetal

8 culleres de aceite de oliva

Unha culleriña de sal

Pementa negra ao gusto

  1. Pelamos e cortamos a cebola e rodas finiñas. Quecemos 4 culleres de aceite de oliva nunha pota e cocemos a cebola a lume medio.
  2. Pelamos e cortamos o nabo en dadiños, botámolo na pota e seguimos cocendo.
  3. Lavamos o brócoli, quitamos o talo e botamos as polas na pota.
  4. Cocemos durante 15 minutos, remexendo ben para que doure todo. engadimos o sal e a pasta de miso.
  5. Botamos auga ata cubrir todas as verduras. Cocemos durante 20 minutos.
  6. Retiramos do lume, botamos os chícharos e as 4 culleres restantes de aceite, batemos ca batedora ata que teña unha textura aveludada.
  7. Servimos con aceite e pementa ao gusto, tamñen lle podemos botar sementes de sésamo, noces, piñóns, etc.

Que aproveite!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *