Este ano o outono está a tardar moito, pero cando chege o frío, tende esta receita a man que vos ha facer moito avío 😉 É unha crema moi suave e saborosa, apta para vexetarianos e tamén para veganos! Tendo en cota que a receita leva poucos ingredientes, o mellor aceite que lle podedes botar é un intenso, tipo cornicabra ou hojiblanca, estará aínda máis saborosa!
Para os que queirades facer cremas, botádelle un ollo a esta categoría. Tamén hai bastantes algunhas con batata (tamén coñecida coma boniato ou batata doce), que eu son moi fan, xa a fixen asada ou en rolos doces.
Ingredientes (para catro ou cinco racións)
2 batatas medianas
3 cenouras grandes, ou 4 medianas
1 porro grande
5 culleres de aceite de oliva virxe + un chisco para o final
Un belisco de sal
Unha culleriña de ourego (opcional)
- Cortamos a parte branca do porro en rodas dn centímetro.
- Nunha pota grande, notamos dúas culleres de aceite de oliva e sofritimos o porro nelas, a lume medio-baixo.
- Pelamos as cenouras e as batatas, cortámolas en anacos pequenos (2 ou 3 cm de grosor).
- Botámolas na pota xunto co sal e botamos auga ata cubriren todo o contido.
- Cocemos durante 30 minutos, ata que a batata estea ben branda.
- Deixamos arrefriar un pouco, engadimos o resto do aceite e batemos ca batedora ata que sexa unha crema homoxénea.
- Servimos decorada cunhas pingas de aceite e un pouco de ourego.
Que aproveite!
Un comentario en “Crema de cenoura e batata”