Galletas de centeo e pasas ao ron

Estas galletas (ou biscoitos, non sei moi ben como chamalos) teñen orixe sueca, e son unha adaptación desta receita. Gustáronme moito porque quedan moi crocantes e non excesivamente doces, pero cun sabor intenso que fai que queiras repetir todo o tempo! Ollo: canto mellor sexa a manteiga, máis ricas quedarán: como só son 120 gr. paga a pena pagar un chisco máis por unha de calidade 😉

O centeo é un cereal moi versátil, e con toda a sensibilidade que hai actualmente co glute, a fariña é moito máis doada de atopar. Se queredes probar máis receitas, podedes mirar esta de pizza de centeo con espinacas e queixo azul, ou esta de pan de centeo con tomates secos, boísima tamén!

Ingredientes

180 gr. de fariña de centeo

90 gr. de fariña triga

120 gr. de manteiga, derretida

50 gr. de azucre

1 ovo

60 gr. de pasas

2 culleres de ron

2 culleriñas de fermento químico

1 culleriña de canela moída

1 belisco de sal

  1. Deixamos repousar as pasas co ron nun vaso durante media hora. Triturámolas.
  2. Nun bol grande mesturamos as fariñas, o sal, a canela e o fermento.
  3. Engadimos o resto dos ingredientes e remexemos ben ata formar unha masa sen grumos: cunha culler valerá, non cómpre batedora.
  4. Estendemos sobre un film de plástico formando un cadrado de grosor uniforme, algo menos dun centímetro.
  5. Tapamos a masa co plastico e deixamos arrefriar no frigorífico un par de horas.
  6. Prequecemos o forno a 170º
  7. Coa axuda dun vaso pequeno recortamos círculos, colocámolos sobre papel de forno e cocemos durante 10 ou 15 minutos ata que queden ben douradas.
  8. Deixamolas arrefriar encima da rexa do forno, sobre un mesado.

Que aproveite!

galletas_centeo_2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *