As lentellas, igual que os garavanzos, foron introducidas en Galicia polos maragatos, e ata hai unhas décadas non era un prato moi común. Hoxe en día xa se atopan en moitos menús, xa que son un legume moi agradecido e dan para facer pratos saborosos e baratos, coma este.
Se non tendes sobrasada, podédela cambiar por chourizo ou incluso facer unha versión vexetariana cun par de pementos verdes e pementa de Caiena. En todo caso, vai sair un estofado estupendo que presta moito nestes días de inverno 😉
Ingredientes (para 4-5 racións)
300 gr de lentellas
100 ml. de viño branco
70 gr de sobrasada
2 tomates, maduros
Unha pataca mediana, pelada e cortada en anacos de 1×1 cm.
2 dentes de allo
Media cebola
Unha folla de loureiro
4 culleres de aceite de oliva
Media culleriña de sal
- Poñemos as lentellas a remollo xusto antes de comezar.
- Cortamos os allos e a cebola en rodas finas, e tomate en dadiños.
- Nunha pota grande, quecemos o aceite a lume medio, botamos o allo, a cebola e cando comecen a dourar, o tomate. Deixamos cocer 5 minutos e engadimos o viño.
- Seguimos a cocer (sempre a lume medio) ata que reduza o viño. Engadimos a sobrasada e agardamos a que derreta. Deixamos cocer 10 minutos máis.
- Botamos as lentellas, o sal, o loureiro e a pataca. Engadimos 1300 ml de auga.
- Cocemos durante unha hora, sempre a lume medio. Axustamos o sal se fose preciso.
Coma todos os rustridos e guisos, está moito mellor ao día seguinte, o que o fai un prato ideal para facer na fin de semana e ir comendo durante a semana.
Que aproveite!
que bom!
Graciñas polo teu comentario!
Olá Xamón!
Cal é o truco para que as lentellas queden tan enteiras?? A mín rómpenseme todas ao igual que os garavanzos e as fabas…
Olá Pepofis! Probablemente é que as deixas moito a remollo ou a cocer, proba a ir reducindo os tempos e o lume: cando vexas que están tenras pero enteiras, retíraas, indeèndentemente do que diga a receita.
No caso dos garavanzos e as fabas tamén se nota moito a calidade, eu usei algunha vez fabas das máis baratas e acabaron escascareladas e moitas delas rotas. Espero que isto che servise de axuda, un saúdo!