Loxe mareiro: unha crónica

Volvemos das vacacións de verán cun artigo un chisco diferente: unha crítica a un restaurante. De cando vez irei poñendo recensións de sitios que me teñan gustado, comezando polo extraordinario Loxe Mareiro, o restaurante do grupo Abastos en Carril, a carón de Vilagarcía de Arousa.

O motivo de comezar con este restaurante, aparte de que a comida estaba boísima,  é que me pareceu un proxecto moi completo, dende a arquitectura (é un almacén de pescadores rehabilitado, velaí o nome), a decoración (sinxela pero moi efectiva), a reivindicación do produtos do mar e a experimentación nos sabores e texturas.

Este restaurante está no paseo marítimo de Carril, e ten tres partes: a terraza, o interior con vistas ao paseo e o salón que está detrás da cociña. Unha das cousas que me chamou a atención é que esta está aberta e ao pasar pódese ver a preparación do xantar (os caldos, a grella, os “empratados”), un proceso que me gustaría ter visto con máis calma, pero non quería quedar aí no medio do corredor…

Ao mediodía hai varias opcións para xantar: o día que fun eu había un menú de 35 euros con peixe fresco, un menú un pouco máis longo por 45 euros e tamén pratos á carta. Os prezos son sen bebida, e paga a pena salientar que hai unha boa carta de viños, con moitas referencias do país. Ata onde sei, o menú de noite é diferente, así que é mellor chamar antes para se asegurar.

Eu probei o menú degustación máis longo, que ten algúns pratos clásicos do menú Abastos e algúnhas elaboracións novas que imaxino son probas para logo ir incorporando á carta. Velaiquí vai unha descrición dos pratos que máis me gustaron:

tiradito

Tiradito de San Martiño: os tiraditos son un prato típico de Perú, algo semellantes ao carpaccio. peixe fresco cortado moi fino con mollo de cítricos e neste caso, acompañado de tiriñas cenoura asada. A combinación da frescura do peixe e a textura e o leve sabor a queimado é abraiante.

espuma

Escuma de auga de mar con algas e maonesa de ourizo de mar. É coma unha nube de golosina, pero moi lene, que se desfai na boca. É difícil describir o sabor, pero non é como auga de mar literal, está moito máis bo.

sarinha

Sardiña e a súa espiña: un lombo de sardiña un pouco mariñado, acompañado de mollo de aceite aromatizado con herbas e xeado de pan. A espiña da sardiña está aromatizada, fritida (está ben crocante) e leva un boliño de masa na cabeza. Unha elaboración súper orixinal que daba gusto mirar, e comer, claro.

empanada

Empanada de salmonete: penso que este foi o meu favorito. É unha versión particular da empanada, comezando pola masa, que leva trigo mouro. Despois úntase cun caldo concentrado de peixe e métese ao forno, repetindo a operación. Por riba leva o salmonete co seu mollo, e non leva tapa. ESPECTACULAR.

xurel

Xurelo cociñado en dous tempos: Un lombo de xurelo sen pel que se coce a lume moi lento durante varias horas e despois pásaselle o soprete para que colla unha textura crocante. Vai acompañado de gominoliñas de vermú e laranxa (as tiras brancas non lembro o que eran, quedaron eclipsadas), e está delicioso!

chocolate

Sobremesa de chocolate Loxe Mareiro: un festival para os máis larpeiros, este prato leva chocolate en diferentes texturas: xeado, en sifón, nunha especie de mousse e en faragullas crocantes. Como a imaxe vale máis que mil palabras, non engado máis 😉

Gustaríame destacar tamén o atento que é o servizo, e tamén pan, que é unha tolemia do bo que está. Dixéronnos que leva centeo e auga de mar, e é o mesmo que logo se utiliza para facer o xeado. Chega á mesa un pouco quentiño, é adictivo.

menu

Ata aquí a miña primeira crítica, ¿qué vos pareceu? Deixade a vosa opinión ou recomendacións nos comentarios, ou no Twitter.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *