Macarróns gratinados con chourizo

Un clásico entre os clásicos, este prato tenvos moi mala reputación debido ás chafalladas que se poñen nalgúns comedores escolares, pero ben feitos son unha marabilla! Normalmente fago as receitas unha ou dúas veces antes de publicalas, pero esta leva moito ensaio e estou moi contenta co resultado.

Unha recomendación ao facerdes a compra é que o chourizo bó non é o mellor para esta receita (mellor gardalo para facer un cocido ou asalo!). É un destes casos no que canto pior, mellor. Eu usei este, que tampouco é que sexa o máis ruín, pero a graxa que leva e o sabor suave casan moi ben co resto dos ingredientes.

Se non queredes facelos con carne, unha boa alternativa e cambiar o chourizo por un allo porro ben rustrido, ou incluso por medio bote de tomates secos ben picados, iso xa ao gusto de cada un. Lembrade que a cocción da pasta é importante, podedes ler uns consellos ao respecto nesta ligazón

Ingredientes (para catro racións)

350 gr. de macarróns, ou calquera pasta curta

Unha lata de tomate en puré

Un chourizo normal (ou medio grande)

Unha cebola grande

100 gr mozzarella fresca, ou de queixo de tetilla

100 gr de queixo relado tipo emmental ou gruyère

4 culleres de aceite de oliva, máis un chisco para o forno

Dúas follas de loureiro

Unha culleriña de azucre

Media culleriña de pementa negra

Sal ao gusto

  • Quecemos o aceite na tixola a lume medio, cortamos a cebola en rodas finas, e cociñamos ata que estea un pouco translúcida.
  • Retiramos a pel do chourizo, picamolo primeiro en rodas, e cada roda en dous anacos. Botámolo á tixola.
  • Engadimos o sal e a pementa, deixamos cocer 20 minutos.
  • Engadimos o tomate, o loureiro e o azucre, deixamos cocer outros 20 minutos, sempre a lume medio. Retiramos.
  • Cocemos a pasta un minuto menos do que di o paquete.
  • Prequecemos o forno a 175º
  • Escoamos a pasta e usamos a mesma pota para requecer un pouco o mollo. Apagamos o lume e botamos a pasta de volta na pota ca metade do queixo relado e a metade da mozarella en anacos.
  • Vertemos nunha fonte, cubrimos co resto do queixo e a mozarella e botamos un pouco de aceite por riba e polos lados.
  • Gratinamos no forno pola parte de arriba, e co ventilador, se o tendes. Con quince minutos é dabondo, de todos os xeitos, andade con ollo que non queime.
  • IMPORTANTE: Deixamolo enfriar, e gardámolo no frigorífico ata o día seguinte. Podémolo requecer no forno ou no microondas. Non caiades na tentación de tomalos recén feitos, paga a pena esperar.

Que vos parece?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *