Madalenas de chocolate

Esta semana traemos un doce ben doado e sabedeiro: madalenas de chocolate! É tan fácil de facer que ata o podedes facer cos cativos, que de seguro han disfrutar co proceso.

A outra vez que fixen madalenas empreguei só moldes de silicona pero como estas eran para levar, comprei uns de papel e metinos nos de silicona, para que non cedesen. Se non tendes moldes de silicona para agunatar os de papel, podedes empregar uns de flan de usar e tirar que venden nalgunhas ferreterías, coma estes. O azucre avainillado véndese na sección de especias, o Froiz ten incluso marca propia, moi barata.

Se sodes chocolateiros, botádelle un ollo a esta torta de mousse de chocolate, ou a este queique de plátano, chocolate e noces.

Ingredientes:

2 ovos

90 gr. de azucre avainillado

80 gr. de fariña

50 gr. de cacao en po

100 ml de aceite de xirasol

40 ml. de leite gordo (enteiro)

1/2 sobre de fermento químico

Un belisco de sal

Un pouco de azucre glass, para decoraren

  1. Nun bol grande, batemos os ovos co azucre ata que saia unha pasta homoxénea.
  2. Engadimos o aceite e o leite, continuamos a bater.
  3. Nun prato fondo, mesturamos a fariña, o cacao, a levadura e mailo sal. Engadimos a modiño á mestura do paso 2, mentres batemos.
  4. Deixamos repousar o bol no frigorífico durante unha hora, tapado cun film ou papel de prata.
  5. Prequecemos o forno a 210º.
  6. Enchemos os recipientes de papel (ou de silicona) ata os 3/4, senón han rebosar.
  7. Metémolas no forno 10 minutos, colocando a bandexa na segunda fenda do  forno por abaixo. Cando a masa soba,  baixamos a temperatura a 180º e cocémolas 5 ou 10 máis na terceira fenda por baixo (a 2ª por riba) para que queden ben feitas. É un proceso delicado, o mellor é agardar xunto ao forno cunha agulla de calcetar, e comprobar que se fixeron ben pinchando nelas: se a agulla sae seca, é que xa están.
  8. Deixamos arrefriar e decoramos co azucre glas.

Que aproveite!

master3

madalena1

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *