Pasta con espárragos verdes e cogumelos

Unha das cousas que a xente me pide máis son receitas vexetarianas. A pesares do nome do blog, a min tamén me gusta comer sen carne de cando en vez, así que aquí vai outra máis ao apartado. Tamén lle podedes botar un ollo á pasta con espinacas e mascarpone, non vos ideas arrepentir! E se sodes veganos, á crema rubia de verduras ou a estas galletas veganas de espelta e dátiles!

Ingredientes (para 2 racións)

160 gr. de pasta

8 espárragos verdes

1/2 bote de cogumelos en conserva (máis ou menos 150 gr)

1 dente de allo

3 culleres de aceite de oliva

100 ml. de nata para cociñar (18% MG)

Sal e pementa

Queixo relado, para decoraren

  1. Cocemos a pasta segundo as instruccións do fabricante. Para ver consellos, lede este artigo con 5 truquiños ;).
  2. Nunha tixola quecemos o aceite de oliva a lume medio.
  3. Cortamos o allo en láminas finiñas, o máis que poidamos.
  4. Botamos o allo a dourar, e mentres cortamos os espárragos, xa lavados: Primeiro cortámolos ao longo e despois en anacos de 2-3 cm. Botámolos na tixola, cun chisco de sal e pementa, e remexemos para que vaian dourando.
  5. Cortamos os cogumelos en anacos de 2-3 cm, e botámolos na tixola. Deixamos cocer un par de minutos e engadimos a nata. Neste punto baixamos o lume ao mínimo e deixamos repousar cinco minutos. A nata ha ir secando un pouco, é normal:pasta-esparragos-1
  6. Despois de escoar a pasta, metémola de volta na pota xunto co contido da tixola, remexemos un pouco e servimos ben quente.
  7. Decoramos os pratos cun pouco de pementa e queixo relado, mellor se é forte, como o curado de cabra.

Que aproveite! pasta-esparragos-3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *