Peras bébedas

As peras bébedas foron un prato moi popular nos anos setenta e oitenta, e que sobrevive nas cartas dalgúns restaurantes, e na casa dos meus pais! A receita é de miña nai, está riquísima e é súper doada de facer, so precisades 3 ingredientes, unha horiña e un chisco de paciencia.

As peras deben estar firmes, se están moi maduras non valen: é recomendable usar “peras de inverno”, que son as que teñen a pel marrón. Tamen se pode cambiar o viño normal por viño de Porto, rebaixando o azucre á metade .

A orixe desta receita non está clara, pero parece ser que a xente “antiga” quería aproveitar as peras e demáis froita dura, así que comezaron a cocela a lume lento, para que non se desfixese. Primeiro foi a auga e mailo azucre, e logo alguén (probablemente en Francia) pensou que sería boa idea botarlle viño… e o resto é historia 😉

Ingredientes (para catro racións)

4 peras grandeiras

4 culleres de azucre

200 ml. de viño tinto

1 rama de canela (opcional)

  1. Pelamos as peras, botámolas nunha pota co resto dos ingredientes. A pota que non sexa moi grande: ten que quedar o líquido pola metade das peras.
  2. Cocemos a lume medio ata que se evapore o viño e estean tenras e coloreadas. Isto depende moito da cociña, así que tomade como base 20 min e despois, o tempo que faga falta.
  3. Servimos co seu líquido, cando aínda estean tépedas.

Que aproveite!
peras_bebedas2

peras_bebedas3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *