Queique de aceite de oliva e auga de azar

Lembrades a receita da rosca de Reis? Se comprastes auga de azar e non sabedes que facer con ela, havos interesar esta receita. É unha variación do tradicional queique de iogur con limón, pero cambiando o aceite de xirasol polo de oliva, e engadindo auga de azar no canto de reladura de limón. O resultado é boísimo, un queique ben espelido e aromático, máis lixeiro (e doado de facer) ca rosca de Reis 🙂

A miña recomendación é que usedes un aceite de oliva forte  para que teña un sabor máis intenso: os tipos arbequina, cornicabra ou brava galega serían os máis axeitados. O queique non ha “picar” coma o aceite só, pero si gardará un pouco do sabor, se usades o aceite de oliva de fritir non ides obter o mesmo resultado.

A min saíume un queique mediano e outro pequeno por mor dos moldes, pero cun molde de 23-24 cm. de diametro ha ser suficiente para botar toda a masa.

Ingredientes (para un biscoito de 8-10 racións):

4 ovos

1 iogur natural de 125 gr.

1 medida do iogur de aceite de oliva, máis un pouco para o molde

3 medidas e media (do iogur) de fariña de trigo

2 medidas  (do iogur) de azucre

2 culleres de auga de azar

1 culler de fermento químico

1 belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 180º.
  2. Nun bol grande, poñemos todos o ingredientes líquidos, batemos ben ca batedora.
  3. Mesturamos a fariña, o fermento e o sal nun prato fondo.
  4. Engadimos a mestura do prato ao bol, POUCO A POUCO, mestres seguimos a bater.
  5. Engraxamoso molde e vertemos a masa nel.
  6. Cocemos durante 30-40 minutos: depende moito do forno, así que ide comprobando cada rato. Para saber se está listo, metedelle unha agulla de calceta no medio do queique, se sae seca é que xa esta listo.

Que aproveite!

queique_aceite_oliva2

queique_aceite_oliva1

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *