Quiche vexetal con anacardios

Aínda que non son vexetariana (raro sería tendo un blogue que se chamase así) ultimamente ando a experimentar con pratos sen carne. Esta quiche é moi gustosa e sinxela de facer, sobre todo porque fixen trampa e comprei o follado xa feito, igual que na receita de palmeiriñas. En total levará pouco máis dunha hora.

Penso que é unha boa idea para facer logo do Entroido se quedades cansados do cocido. Ollo, que aínda que non leva carne si leva nata, polo que é bastante farturenta 😉

Ingredientes (4-5 porcións)

1 paquete de follado redondo

8 follas grandes de acelgas

4 cenouras

3 anacos de coliflor

Un feixe de anacardios (60 gr. aproximadamente)

150 ml. de nata para cociñar (a de 18% de materia graxa)

1 ovo grande

1/4 de culleriña de noz moscada

Sal

  1. Enchemos unha pota de auga, quentámola e botamos a coliflor a cocer. Cando leve 10 minutos, engadimos as acelgas limpas e sen talo e as cenouras cortadas en cachos pequenos.
  2. Escoamos as verduras e reservamos.
  3. Prequentamos o forno a 180º
  4. Nunha tixola botamos a nata e quentámola a lume medio xunto ca noz moscada.prep1
  5. Cortamos os anacardos en anacos pequenos
  6. Botamos as verduras e mailos anacardios na tixola, deixamolo estar a lume medio durante 10 minutos. prep4
  7. Batemos o ovo e botámolo na mestura.
  8. Estendemos o follado nun molde redondo. Para que non soba no forno, pinchámolo varias veces cun garfo:prep2
  9. Enchemos o follado co contido da tixola.
  10. Cocemos no forno durante 25 minutos, ou ata que estea ben dourado nas beiras e o recheo algo seco (callado). Depende moito do forno, tende conta disto.

Nota: Recomendo comelo no mesmo día, xa que o follado colle a humidade do recheo e ao día seguinte non está crocante.

Que aproveite!

quiche_vexetal3

3 comentarios en “Quiche vexetal con anacardios”

Deixa una resposta a Bolboretasnobandullo Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *