Xeado de cereixas e chocolate negro

Xeado de cereixa e chocolate negro

Hai tempo probara a facer xeado na casa porque alguén me dixera que se o fas de turrón de Xixona non cristaliza tanto e pódese facer a man. A verdade é que non queda mal, pero resulta un pouco graxo. Para probar máis sabores e texturas, merquei unha xeadeira, a máquina na que se mete o preparado para que o remova sen parar e colla ar. O ar é o segredo dos xeados máis cremosos e lixeiros 😉 Se non tendes maquina, podedes acadar o mesmo efecto metendo a masa no conxelador e remexendo a man cada hora.

Para inaugurar a máquina decidin facer unha versión do Cherry Garcia de Ben&Jerry’s, pero engadindo máis cereixa! unha das cousas que non sabía era que a máquina precisa 10 horas no conxelador, así que tende conta, hai que preparalo o día antes. O resultado final foi boísimo: estou desexando probar máis combinacións, así que no futuro veredes máis receitas deste tipo 😀

Ingredientes (para unha tarrina de algo menos dun litro)

300 gr de cereixas, sen pébedas

75 de chocolate negro, en anacos

200 ml. de nata para bater (35%M.G.)

1 iogur grego

Unha culler de mel

O zume dun limón

100 gr de azucre de caña

  1. Poñemos as cereixas ninha pota co zume de limón, o mel e o azucre. Quecemos a lume medio durante 20 min, remexendo de cando en vez. Esto tamén vos serve para facer unha torta de cereixa estilo Twin Peaks, por se cambiades de opinión.
  2. Retiramos e deixamos arrefriar.
  3. Batemos a nata nun bol grande, ata que quede firme.
  4. Engadimos o puré de cereixas a modiño, para que non baixe a nata.
  5. Botamos o iogur grego, mesturamos e metemos o bol no frigorífico ata que estea moi frío.
  6. Sacamos a cubeta do conxelador e botamos a masa do xeado a bater (seguide as intruccións do fabricante) engadindo os anaquiños de chocolate negro.
  7. Se o facedes a man, gardade o bol directamente no conxelador e sacádeo cada hora para remexer a masa e que non cristalice.

E vós, fixestes algunha vez xeados na casa? Tendes algún truquiño ou consello?

xeado-cereixas-3 xeado-cereixas-2

Un comentario en “Xeado de cereixa e chocolate negro”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *