Xeado de iogur natural

Vai chegando a calor e con ela as ganas de facer larpeiradas frías. A desta semana é súper doada de facer: xa sei que digo isto a cotío pero desta vez é moi certo! Co que custa un frozen yoghurt dos que venden nos centros comerciais sae unha sobremesa para 5 ou 6.

Se preferides o xeado máis tradicional, podédeslle botar un ollo a este de vainilla e queixo Philadelphia, a este de cereixas e chocolate negro, ou a este de lima e alfábega, moi refrescante!

Ingredientes (para 600ml de iogur)

3 iogures naturais (non desnatados)

1 iogur grego

50 gr. de azucre

50 gr. de azucre de caña (pódese cambiar polo normal)

Zume de medio limón

Un belisco de sal

  1. Nun bol grandeiro, mesturar os iogures e o azucre ata que este disolva. Despois engadimos o zume e mailo sal:. Non vos preocupedes pola acidez: ao conxelaren, os sabores “acougan” e non se notan tanto.
  2. Metemos a mestura na máquina de facer xeados ata que saia unha textura cosistente. Normalmente tarda 45 min-1 hora, consultade as instruccións do fabricante. Se non tendes máquina, botade a mestura nun tupper pouco fondo e metédeo no conxelador. Despois dunha hora, remexede cunha culler de pau, así ata 3 ou 4 veces, para que a masa non cristalice.
  3. Cocolámolo nunha cunca 10 ou 15 minutos antes de servir, acompañado de marmelada ou confitura de froitos vermellos.

Que aproveite!!

frozen_yogourt3

frozen_yogourt2

Un comentario en “Xeado de iogur natural”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *