Albóndegas de carne mariñada con mostaza

Pódense comer frías como entrante, ou servir quentes con arroz ou puré de patacas. Mentres escribo, tamén se me ocorre metelas nun bocadillo con queixo e quentalo un pouco á prancha. Mhmmmm…

En todo caso, fan moito avío, xa que aguantan ben dous ou tres días no frigorífico, saben mellor ao día seguinte de facelas e son ideais para levar de picnic.

Ingredientes (para catro persoas, saen 18-20 albóndegas):

500 gr. de carne picada de vacún (tamén pode ser de porco, pero non queda tan ben)

40 gr. de pan (unha rebanda grande de molde, ou un anaco de 4 dedos dunha barra)

100 ml. (medio vaso) de leite

Un ovo grande

Media cebola

Unha culler de mostaza de Dijon.

Unha culler de prebe Perrins.

8-10 pingas de tabasco ou piri-piri

100 gr. de fariña

Aceite de oliva

Sal

  1. Quentamos o leite nun bol e botamos o pan. Deixamos reposar ata que chunche todo o líquido.
  2. Cortamos a cebola en anacos moi finos, o máis que poidamos.
  3. Salamos a carne e botámola nun bol, engadimos o pan co leite, o ovo, a cebola, a mostaza e as salsas.
  4. Batimos con dous garfos, esmagando ben a masa ata que que mesture ben. Leva un ratiño…Pódese usar a batidora, pero con coidado, non queremos que saia puré.
  5. Cas mans, facemos bolas pequenas e redondas (as grandes non frien ben, o tamaño ideal é un chisco máis grande que unha noz).
  6. Botamos a fariña nun prato e rebozamos as bolas nela.
  7. Quentamos o aceite nunha tixola, enchéndoa ata un pouco máis da metade. Cando estea moi quente, botamos as albóndegas. Cando estean douradas por unha metade, damoslle a volta. Non deben estar máis de 40 segundos: mellor que queden pouco feitas por dentro
  8. Retirámolas a un prato cun papel para que absorba o aceite sobrante. Deixamos enfriar.

albondega3

Que vos parecen? Alguén vai facer a proba?

3 comentarios en “Albóndegas de carne mariñada con mostaza”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *