Arroz con pasas e piñóns

Queredes unha receita barata e saborosa? Apta para vegan@s? Pois non busquedes máis, que esta semana traemos un arroz con pasas e piñóns que non vos vai decepcionar. É un prato que admite moitos cambios, pero unha cousa que vos recomendo é que o fagades o día antes SEMPRE, para que os sabores se espallen ben. Unha vez feito aguanta 3 ou 4 días.

A cor que ten débese á curcuma en po, pero se non tendes ou non vos gusta, podédela cambiar por un chisco de curri ou colorante alimentario. Unha vez feito hai que engadirlle un pouco de aceite de oliva (2-4 culleres, ao gusto) pero pódese substituir por manteiga para un sabor máis suave.

Se tendes comentarios, suxerencias ou preguntas, pasádevos polo meu Twitter, ou polo Instagram!

Ingredientes (para 4 ou 5 racións coma as da foto de abaixo)

150 gr de arroz longo

450 ml de auga ou caldo vexetal

100 gr de uvas pasas

60 gramos de piñóns

Media cebola

Dous dentes de allo

Catro culleres de aceite de oliva, máis un chisco extra para o final

Unha culleriña rasa de sal

Media culleriña de pementa negra moída

Media culleriña de cúrcuma (opcional)

  • Botamos catro culleres de aceite de oliva nunha tixola grande e cando estea quente botamos a cebola e o allo ben picados.
  • Cando estean dourados, engadimos os piñóns para torralos un pouco, despois botamos o sal e as especias.
  • Engadimos as pasas, o arroz e o caldo (ou auga)
  • Cocemos a lume alto durante 10 minutos, e 10 máis a lume moi baixo.
  • Retiramos, engadimos un pouco máis de aceite (ou manteiga), remexemos e deixamos repousar cun pano de cociña por riba ata que estea a temperatura ambiente.
  • Gardamos na neveira ata o día seguinte, requecémolo na tixola ou no microondas.

Que aproveite!

Podedes ver que usei dous tipos de pasas, o típico mix de acabaren un paquete e que o outro sexa distinto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *