Gratin de tomate e allo porro con queixo

Os que teñades tomates de horta de sobra, que sorte tendes! Esta semana temos unha receita para aproveitar os máis maduros (se non son de horta tamén valen, eh) nun marabilloso gratín que serve como acompañamento ou como prato lixeiro de seu, acompañados de pan torrado.

O queixo que usei para facer esta receita era unha mestura desas que veñen xa feitas, de gouda e gruyère. En realidade vale calquera queixo graxo pero non moito, un de San Simón relado na casa iría ben, ou incluso un do Cebreiro en faragullas. Se facedes unha versión diferente, deixadea nos comentarios, ou no Twitter, que sempre fai ilusión.

Receitas semellantes a esta: cabaza gratinada con mozzarella, berenxenas con queixo Afuega’l pitu ou barcas de cabaciña con queixo San Simón,

Ingredientes (para 4 racións de acompañamento, ou 2 pratos principais):

2 tomates maduros grandes

2 allos porros medianos

100 gr. de queixo relado

4 culleres de aceite

Sal e ourego ao gusto

  1. Prequecemos o forno a 180º.
  2. Lavamos e cortamos os tomates en dados. De cada tomate teñen que saír 12-16 pezas.
  3. Lavamos os allos porros e quitámoslles a capa exterior e a parte verde das follas. Córtamolos en vertical e se a bandexa é pequena, en horizontal, para que caiban.
  4. Untamos a bandexa do forno con 2 culleres de aceite (eu usei aceote en spray, que é máis práctico).
  5. Colocamos os allos porros e por riba deles, os tomates. Encaixamos todo para que non queden ocos.
  6. Botamos o resto do aceite, o sal e o ourego.
  7. Metemos a bandexa no forno e cocemos durante 45 minutos, remexendo de cando en vez.
  8. Cando as verduras esteán moi brandas e un pouco douradas, botamos o queixo por riba e deixamos cocer 5 ou 10 minutos máis, con calor só pola parte de arriba.
  9. Servímolo quente, ou gardámolo para o día seguinte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *